O Río Verdugo fai de límite natural do termo municipal de Soutomaior. É navegable nun treito longo, sempre e cando teñamos en conta as mareas e o calado da embarcación.
O río nace a 760 m de altura na aldea de Cernadelo, situada na ladeira de Outeiro Grande no concello de Forcarei. A súa lonxitude é de 41 km e desemboca no fondo da Ría de Vigo, entre Arcade e Ponte Sampaio.
Ímonos centrar no tramo que vai entre Comboa (Soutomaior) e Ponte Sampaio, xa que é o que é navegable, aínda que a escasa distancia da ponte medieval de Comboa, atópase un enclave espectacular: A Ponte Colgante (no lugar onde se xuntan os Ríos Verdugo e Oitavén). Este tramo é navegable na súa totalidade, con augas tranquilas. É un río perfecto para navegar en canoa ou kaiak, xa que non ten dificultade ningunha.
A escasos metros da Ponte Colgante xúntanse os ríos Verdugo e Oitavén, creando un espazo espectacular.