O obradoiro de Chan Pélvico, de Apoderamento Corporal, de Mindfullnes, meditación e relaxación, de Arteterapia, de Biodanza, e de Diversas, obradoiro afectivo sexual, serán os protagonistas dunha nova edición do Espazo de Autocoidado que lanzan dende a concellería de Igualdade e Benestar Social.

12 de decembro. A concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, e a directora do CIM de Soutomaior, Cristina García presentaron hoxe unha nova edición do Espazo de Autocoidado.

O ESPAZO AUTOCOIDADO é un programa de intervención comunitaria , promovido pola Concelleria de Igualdade do Concello de Soutomaior, que está orientado principalmente a mulleres empadroadas, facendo intervencións desde diferentes perspectivas e orientacións para promover a definir a procura dos seus proxectos vitais, da súa identidade e da súa autonomía, da súa orientación persoal, social e laboral, así coma tamén do tecido e fortalecemento de redes sociais entre elas, e do principio de sororidade.

Os obxectivos do programa son: reforzar a autoestima e o autoconcepto das destinatarias, a creación de rede social e tecido comunitario, apoderamento a través do traballo emocional, artístico e corporal, fomentar o traballo corporal e de consciencia do corpo como xeito de Apoderamento corporal, visibilizar e xestionar os conflitos emocionais a través da arte e o de promover hábitos de Saúde e de autocoidado como       ferramenta clave para o benestar.

E tal e como informan dende o CIM os resultados agardados no desenvolvemento do programa son os seguintes: a mellora da autorregulación emocional e redución dos niveis de ansiedade das participantes, o aumento do autocoñecemento e a capacidade reflexiva, na súa autopercepción e autoestima, a mellora na responsabilidade do proceso de Apoderamento,  a toma de decisión e autocoidado, a promoción de hábitos de Saúde e espazos de calma e calidade comunitaria.

Con todo, este Espazo de Autocoidado achegará ao Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) de Arcade o obradoiro de Chan Pélvico, de Apoderamento Corporal, de Mindfullnes, meditación e relaxación, de Arteterapia, de Biodanza, e de Diversas, obradoiro afectivo sexual. Obradoiros todos eles que se irán desenvolvendo nos vindeiros meses dende o de Chan Pélvico que rematará a vindeira semana, ata o de Diversas que pechará esta edición a finais do mes de maio.