‘O ecosistema monetario dos microorganismos’, ‘A importancia de vixiar a calidade do chan’, ‘Eu reciclo e ti reciclas’, ‘Pasta de dentes de elefante’,‘As esferas indicadoras’ ou ‘A serpe química’ foron algúns dos proxectos científicos que alumnos e alumnas dos centros de Secundaria de Soutomaior e municipios veciños expuxeron este luns na III edición de Divulgaciencia, en Arcade.

Esta cita contou coa participación dos centros IES Soutomaior, Luís Seoane, Illa de San Simón e do Santiago Apóstol e este ano, así como cos proxectos do alumnado de quinto e sexto de Primaria do CEIP de Ponte Sampaio e do Colexio Santiago Apóstol, que, deste xeito inauguraron a sección da feira para rapaces e rapazas destes cursos.

Pero, ademais de expoñer, os centros que o desexaron tamén puideron gozar de visitas guiadas pola Feira e completar a súa ficha de observación, formulando preguntas ás mozas e mozos que expuxeron os proxectos co fin de ter máis coñecementos sobre cada un deles.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, acudiu pola mañá á parte expositiva da feira, na que cada equipo defendeu a súa proposta, mentres, que, pola tarde, se entregaron os premios aos mellores proxectos.

A feira contou con obradoiros para nenos e nenas na sesión de tarde, e do espectáculo científico, Enerxía, unha cita, de balde, destinada á todos os públicos e que Tivo lugar ás 13.30 horas.

O Concello e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) organizaron esta terceira edición do evento con actividades durante o curso coa que se promocionaron as materias STEM.

Así, en febreiro iniciouse o programa coa xornada xuvenil na que o alumnado do IES Soutomaior e do Santiago Apóstol tiveron ocasión de falar da etapa da adolescencia desde unha perspectiva científica para comprender mellor os cambios que se viven nesta etapa; tamén participaron nos roteiros científicos que se desenvolveron en abril en dúas sesións cada un dirixidas a alumnado do CEIP Manuel Padín Truiteiro (90 persoas), IES Soutomaior (107 persoas) e Santiago Apóstol ( 100 persoas).

FONTE: diariodepontevedra.es